Ver todos os autores

2002 - Frei Martín Sarmiento

A figura de Sarmiento destaca pola súa constante defensa da nosa lingua. Debémoslle asemade a primeira noticia documentada da literatura medieval e as primeiras pesquisas sobre o nacemento do galego.

Xosé García Balboa naceu en 1695 en Vilafranca do Bierzo no seo dunha familia nobre. Esta trasladouse aos poucos meses a Pontevedra, onde transcorre a infancia do autor. Xa en 1710 marcha a Madrid para ingresar na orde benedictina. Máis tarde estudaría Teoloxía en Salamanca -1714/17-, onde adopta o nome de Martín Sarmiento.

Nos seguintes anos vivirá en varios conventos bieitos, leoneses e asturianos. Xa en 1725, tras unha curta estancia en Pontevedra para visitar á nai, Sarmiento establécese en Madrid. Desta etapa é Demonstración Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal -1732-, a única obra que publicou en vida. Ademais, realizará na capital española numerosas composicións por encomenda de diferentes persoas e institucións. É o caso das Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles, que vería a luz de xeito póstumo en 1775.

Dende a súa viaxe se sete meses a Galicia en 1745 a nosa cultura e lingua convertéronse no principal centro de interese do ilustrado. Así, Sarmiento foi unha das primeiras voces en reivindicar a capacidade do galego para se instalar en todos os eidos -o ensino, o traballo a liturxia...-. Considerado precursor da moderna filoloxía románica, o núcleo fundamental dos escritos de Sarmiento pertence ao terreo lexicográfico. De volta en Madrid, compón o Coloquio de Perico e Marica ou Coloquio de 24 gallegos rústicos. Trátase dunha sorte de colección de vocábulos galegos versificada nun extensísimo conxunto de coplas.

En 1754, aproveita unha nova expedición a Galicia para escribir o Catálogo de voces vulgares, y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables. Ademais continuou os apuntamentos para o Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, que iniciara na viaxe de 1745.

Ademais do seu interese pola historia natural, de volta en Madrid, céntrase na etimoloxía galega. Proba deste labor é o seu Onomástico etymológico de la lengua gallega. Á morte de Sarmiento, en 1772, non fora publicada ningunha das súas obras.