Ver todos os autores

2003 - Avilés de Taramancos

A poesía de Avilés de Taramancos plasmou toda a exuberancia da natureza tropical. O autor deixounos, asemade, unha das reinterpretacións máis salientables do mito de Ulises, co que chegaría a identificarse na súa última obra.

Antón Avilés Vinagre naceu en 1935 na aldea de Taramancos, próxima a Noia, da que toma o seu nome literario. Estudou Náutica na Coruña, onde reside entre 1953 e 1959 e establece contacto co movemento galeguista de esquerdas. Con vinte anos escribe As moradías do vento, unha serie de sete poemas publicados na revista ferrolá Atlántida. Tres anos máis tarde sae do prelo o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo, co que se situaría entre os máis destacados poetas da posguerra.

No ano 1960 emigra a Colombia, onde pasa vinte anos e prosigue coa súa actividade literaria, compoñendo obras como os seus Poemas da ausencia. Con todo sería trala súa volta a Galicia, en 1980, cando daría comezo a etapa máis produtiva da súa carreira. Aquí publica O tempo no espello -1982-, onde inclúe, ademais dos dous primeiros libros, os titulados Poemas de Fina Barrios -1959-, Poemas soltos a Maricarme Pereira -1961- e Poemas da ausencia -1961/81-. Os Cantos caucanos -1985-, que recollen as súas lembranzas de Colombia e recollen a paisaxe americana en todo o seu esplendor, valeríanlle o Premio da Crítica española dese mesmo ano.

En 1989 edítase As torres no ar, trinta e seis poemas organizados en tres partes diferenciadas, nos que Avilés plasma sentimentos como a morriña e o amor. Nese mesmo ano escribiría o libro de relatos Nova crónica das Indias. Xa no ano 1992, trala morte do autor, publicaríanse unha Antoloxía poética e Última fuxida de Harar, escrita nos últimos días de vida do autor.