Ver todos os autores

2013 - Roberto Vidal Bolaño

O Día das Letras Galegas deste ano 2013 está dedicado a unha figura central da literatura e do teatro galegos. Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) destacou pola súa dramaturxia, mais tamén pola súa achega ao daquela emerxente audiovisual galego e pola súa implicación na profesionalización dun teatro propio e na lingua propia de Galicia no que participou como actor, como director, como iluminador...

Dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística queremos destacar desta inmensa figura o seu compromiso co idioma. Non só toda a súa obra está escrita integramente en galego, senón que, se hoxe o teatro profesional funciona na nosa lingua, é grazas ás persoas que, coma el, o construíron estreitamente ligado a ela.