2015 - Xosé Filgueira Valverde
Xosé F. Filgueira Valverde nace o 28 de outubro de 1906 en Pontevedra, onde reside boa parte da súa vida e falece o 13 de setembro de 1996.
Cursa o bacharelato na cidade, onde foi discípulo de Losada Diéguez e Castelao. Estuda Filosofía e Letras e mais Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e Zaragoza. Aquí coñece o profesor Armando Cotarelo Valledor, que será director da súa tese de doutoramento.
Ademais do seu labor profesional como docente e director no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra cómpre destacar a súa extensa traxectoria intelectual centrada en diversos ámbitos de estudo e tres eixes: a historia, a cultura e a lingua galega.