Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2025
Centros premiados:
- CEIPP Celso Emilio Ferreiro (Cerceda)
- IES Castelao (Vigo)
A Secretaría Xeral da Lingua (SXL), co fin de divulgar a figura das cantareiras e a nosa poesía popular oral, pon á vosa disposición os carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas da categoría A, correspondente a educación infantil e primaria, e da categoría B, correspondente a educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, acompañados de cadansúa guía didáctica. Son recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e tamén para o público dos concellos, bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas.
A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Cantareiras: poesía popular oral, elaborada polo CEIPP Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda, un harmonioso conxunto de carteis nos que destacan a creatividade, a beleza estética, a cooperación de todo o alumnado na súa elaboración, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recursos diversos (códigos QR, pictogramas etc.), na procura de difundir o labor e transcendencia das mulleres homenaxeadas entre a rapazada.
Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, o premio foi para Canta que cadramos ben, do IES Castelao, de Vigo, que salienta pola súa calidade estética, pola predisposición duns contidos que van configurando distintos aspectos do panorama tradicional, coa poesía popular oral e as cantareiras sempre presentes, e por ofrecer unha estrutura harmoniosa e de gran beleza, como un canto ao pasado máis inmediato pero tamén ao presente.
Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da nosa poesía popular e das cantareiras, a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas. Canda estas exposicións e as súas guías, tedes tamén outros materiais, como marcapáxinas e regras, que vos poden ser de utilidade.