Volver

CELGA 3

Validación do Celga 3

Serán validables polo Certificado de lingua galega 3 (Celga 3):

  • Ensinanzas de réxime xeral cursadas en Galicia
    • Título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO) ou técnico auxiliar (FP1), sempre que se estudase en Galicia na súa totalidade e se cursase e aprobase de maneira oficial a materia de lingua galega en todos os cursos dos ditos estudos (ou, de ser o caso, se se superou a materia de lingua galega nas probas libres tendentes á titulación de FP1). Tamén se o título de ESO se obtivo despois de estudar un ano fóra de Galicia, sempre que non sexa o derradeiro.
    • Título de graduado en ESO se o título se obtivo superando o ámbito de comunicación no que estea incluída a materia de lingua galega en todos os cursos da educación secundaria para persoas adultas, nas probas libres para a obtención do graduado en ESO realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia ou nos módulos formativos de carácter voluntario conducentes ao título de graduado en ESO do Programa de cualificación profesional inicial. Título de FP básica sempre que se teñan aprobados os módulos comúns de comunicación e sociedade-nos que estea incluída a materia de lingua galega-das ensinanzas de FP básica.
    • Título de graduado en ESO se o título se obtivo superando en Galicia de maneira oficial a materia de lingua galega en primeiro e segundo de ESO e o ámbito lingüístico e social -no que estea incluída a materia de lingua galega- do Programa de diversificación curricular. Se o alumno ou alumna se incorporou ao Programa de diversificación curricular en cuarto de ESO, deberá ter aprobada a materia de lingua galega en 3º de ESO. Título de graduado en ESO sempre que se cursase e superase o ámbito lingüístico e social-no que estea incluída a materia de lingua galega-do Programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento (PMAR) mais a materia de lingua galega en 4º da ESO.
    • A equivalencia co título de graduado en ESO por ter estudos parciais do bacharelato unificado polivalente, sempre que se cursase e superase a materia de lingua galega de 7º e 8º de EXB a partir do curso 1979-1980 e que ningunha das dúas materias que se admite ter pendentes nos dous primeiros cursos do bacharelato sexa de lingua galega.
  • Ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra de Galicia
    • Certificado de ter cursadas e aprobadas as materias de ciencias sociais e as materias optativas de galego na ESO e no bacharelato nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e de Castela e León, subscrito entre ambas as dúas comunidades. Se só se teñen cursadas e aprobadas as materias de bacharelato, poderá obterse tamén a validación do Celga 3 se se acredita estar en posesión do Celga 2.
    • Certificado de ter cursadas e aprobadas as materias de lingua e literatura galega en 4º e 5º do nivel secundario no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, sempre que conten co Celga 2 ou coa súa validación.
  • EOI
    • Certificado do ciclo elemental de galego expedido pola Escola Oficial de Idiomas ao abeiro do Real decreto 47/1992, do 24 de xaneiro.
    • Certificación oficial do nivel avanzado (B2) das ensinanzas de galego da Escola Oficial de Idiomas expedida consonte ao Decreto 239/2008, do 25 de setembro.

Organismos que expiden as validacións e estudos validables polo Celga 3:

  • Equivalencia título de ESO por estudos parciais de bacharelato:
    • Centro público: secretaría do centro
    • Centro privado: centro público de referencia
  • Título de graduado en ESO, título de FP1, título de FP Básica:
    • Centro público: secretaría do centro
    • Centro privado ESO ou probas libres: Inspección Educativa
    • Centro privado FP1 e FP Básica: centro público de referencia
  • Resto dos casos:
    • Xeral de Política Lingüística