Volver

LINGUAXES ESPECÍFICAS

Materiais de autoaprendizaxe en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición da cidadanía materiais autoformativos en linguaxes específicas galegas (administrativa e xurídica), coa finalidade de mellorar a calidade dos textos orais e escritos da Administración.

Estes materiais non son cursos nin ferramentas titorizadas e o seu fin é servir como recursos de uso libre para a autoaprendizaxe das linguaxes específicas galegas. En ningún caso se emitirá un certificado nin ningunha outra acreditación dos coñecementos adquiridos a partir deles.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza cursos titorizados de linguaxe administrativa e xurídica galegas, de niveis medio e superior. Completa esta formación con materiais de autoaprendizaxe en liña. Trátase de recursos dirixidos á mellora da competencia lingüística en linguaxes específicas do persoal das administracións e, en xeral, de todas aquelas persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos neste eido. Estes materiais non son cursos nin ferramentas titorizadas e o seu fin é servir como recursos de uso libre para a autoaprendizaxe das linguaxes específicas galegas.

Nesta sección ponse ao dispor de todas as persoas interesadas unha escolma, en aberto, de manuais, modelos de documentos e cursos en liña (cos seus contidos teóricos, exercicios de autorresolución e recursos) aos que se pode acceder a través da Plataforma de Teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Formación en liña en linguaxe administrativa e xurídica galegas

O persoal da Administración, así como os colectivos profesionais vinculados coas súas distintas áreas, mostraron nos últimos anos a súa vontade decidida de mellorar continuamente o servizo que lle ofrecen á cidadanía. Da súa man, a Administración cumpre a súa obriga de promoción do galego, garante os dereitos lingüísticos de todas as persoas e faise máis igualitaria, próxima e eficaz na súa comunicación con elas.

O obxectivo dos cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas é favorecer este proceso e facilitarlles formación específica a estes profesionais na súa lingua de especialidade para levar adiante o seu cometido.

A quen van dirixidos os cursos?

Os cursos de linguaxe administrativa galega están dirixidos aos cadros de persoal da Administración autonómica, da Administración local, do Parlamento de Galicia, da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia e doutros servizos documentais e de xestión (colexios profesionais, xestorías, cámaras de comercio, asociacións empresariais e sindicais…), así como a aquel persoal que se estableza nas correspondentes convocatorias dos cursos. Por outra banda, os cursos de linguaxe xurídica galega están dirixidos aos cadros de persoal da Administración nas súas áreas de xustiza, notarías e outros servizos e áreas de xestión (colexios de avogados, xestorías…).

Capacitar progresivamente no uso do galego: marco legal

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ao abeiro do disposto na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma. Ademais, recoñéceselles aos cidadáns e ás cidadás o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coas administracións. Por iso, os poderes públicos autonómicos teñen a encomenda de capacitar progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ao servizo das administracións.

Linguaxe clara e de calidade coa cidadanía

Esta formación específica en galego busca actualizar e formar o persoal para que incremente a competencia técnica nesta lingua, e garantir a utilización dun galego de calidade e dunha linguaxe clara cos administrados e coas administradas. Neste obxectivo, a secretaría xeral traballa conxuntamente coa Escola Galega de Administración Pública, coa Dirección Xeral de Xustiza, coa Dirección Xeral de Administración Local e co Instituto Nacional de Administración Pública.