Volver

ENSINO PREUNIVERSITARIO

Cataluña, Londres e Bos Aires

 

Os centros onde se imparte a matéria de galego ou outras áreas que teñen como lingua vehicular o galego fóra da Comunidade Autônoma Galega responden ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

  • Fala Londres

    Fala Londres

No Reino Unido

O IE Vicente Cañada Blanch, de Londres ofrécelles clases de galego aos seus alumnos de primaria (como materia extraescolar), secundaria obrigatoria e bacharelato no marco dun convenio de colaboración que vén renovándose dende o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo.

Nos últimos anos, as aulas de galego contaron cunha media de 55 alumnos. A materia adoptou um enfoque sociocultural e incidiu no uso das TIC. O blog Fala Londres do profesor responsable, Xaime Varela, mostra a enorme actividade despregada arredor da matéria de lingua galega. E da súa calidade dan conta os premios recibidos por este proxecto educativo que leva o galego a Londres: Buenas Prácticas 2.0. do Instituto Nacional de Tecnologías educativas y de Formación del Profesorado (INTEF), premio Educabarrié. e recoñecemento ao vídeo de aula Portobello, porque me peta! que quedou finalista no IV certame "Curtas para Rosalía da AS-PG.

En Cataluña

O coñecemento das diversas linguas de España nas comunidades nas que esas linguas non teñen presenza contribúe a crear unha cultura do respecto á diversidade identitaria interna, a prol dunha convivencia baseada no coñecemento e no entendemento mutuo.
A introdución do galego como segunda lingua moderna nos centros de ensino secundario en España é unha realidade que comezou en Cataluña no ano 1999 por iniciativa nacida na Universitat de Barcelona e na que colaboran as administracións autonómicas galega e catalá. Co nome de Proxecto Galauda, elaboran ademais materiais de aprendizaxe (Vencello, Galauda) e organizan, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, viaxes anuais cos alumnos a Galicia.

En Cataluña tamén se imparte galego na Escola Oficial de Idiomas Barcelona-Drassanes.


En Arxentina


Tamén o colexio Santiago Apóstol, de Bos Aires, ofrece a materia de galego en todos os cursos, dende a etapa preescolar (3 anos) ata o nivel secundario (1º de bacharelato). Inaugurado no ano 1998, o Colexio foi creado conxuntamente pola Xunta de Galicia e polo Centro Galego de Bos Aires, por medio da Fundación Galicia-América, co propósito de desenvolver un programa educativo bicultural O Santiago Apóstol materializou o vello desexo da colectividade emigrante na Arxentina de contar cun colexio galego, un proxecto que comezou a súa andaina da man do Centro Galicia de Bos Aires, fundado en 1979, contando co apoio da Xunta de Galicia.

Dende o ano 2003, o centro de ensino conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega, que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e trazos da identidade e da cultura do noso país na escola, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado. O alumnado cursa nel as materias, co galego como lingua vehicular, de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

Este primeiro colexio galego-arxentino na Galicia exterior, naceu coa finalidade de afianzar e acrecentar o proceso de afirmación, de conformación e conservación da identidade galaico-arxentina por medio dunha educación en dúas culturas. O ideario do centro contempla como obxectivo de inculcar dende as aulas o ideal de servizo e solidariedade e mais o coñecemento dos valores culturais do pobo galego; da súa lingua; das súas tradicións; da súa historia, folclore, arte e demais manifestacións.