Ver todos os autores

1979 - Manuel Antonio

Manuel Antonio é o principal poeta das vangardas galegas. Na súa obra soubo recoller as novas correntes europeas e hispanoamericanas, adaptándoas á nosa literatura.

Manuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo no ano 1900, no seo dunha familia conservadora. Orfo de pai dende os catro anos, pasou a maior parte da súa infancia cun tío en Iria Flavia e Padrón. Aos once marcha a estudar a Compostela, onde entra en contacto co republicanismo e o galeguismo. Nesta mesma cidade comeza a carreira de Filosofía e Letras, que abandonou en 1919 para cursar Náutica en Vigo. Nesta época comeza a enviar poemas a publicacións como A Nosa Terra, Galicia ou Ronsel e publica o seu primeiro soneto, O sol da liberdade.

Xa dende moi novo, a política formou parte das súas inquedanzas. Tras entrar en contacto cos movementos agraristas de loita anticaciquil, toma consciencia da realidade do país e asume un nacionalismo apaixoado. Despois de ler a vangarda europea e de coñecer o saudosismo portugués e mais o haikú xaponés, guiado por Risco, en xuño de 1922 asinaba xunto co artísta plástico Álvaro Cebreiro o manifesto ¡Máis alá!. Nel propugnaban o uso exclusivo do galego e a independencia da nosa literatura respecto da española, rexeitando igualmente o estancamento da produción máis recente na tradición decimonónica. O manifesto, dirixido fundamentalmente á mocidade intelectual, quería servir de auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo. Pero non chegou a desencadear a polémica que os seus autores desexaban.

Manuel Antonio é o poeta vangardista máis orixinal da literatura galega. En toda a súa obra domina a constante preocupación pola lingua -que trataría de depurar na procura dun rexistro literario culto- e o nacionalismo. O seu único libro publicado en vida, De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo -1928- reflicte as primeiras travesías do autor nas súas prácticas de piloto no paquebote Constantino Candieira, entre 1926 e 1927. Con todo, a súa obra tardaría moitos anos en deixar pegadas noutras xeracións literarias.

Xa en 1972, García Sabell deu a coñecer o resto da produción poética de Manuel Antonio, que faleceu en Rianxo en 1930 a causa da tuberculose Confórmana Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais dispois e Viladomar.