Ver todos os autores

1997 - Ánxel Fole

Considerado un dos grandes contemporáneos do relato curto, harmonizou nas súas obras a narrativa popular co pouso culto que lle deparara a lectura de autores como Poe ou Dieste.

Ánxel Fole naceu en Lugo en 1903. Pasou a súa infancia en estreito contacto coa nosa lingua, escoitando historias ao pé da lareira. Tras cursar Bacharelato estudará, entre 1927 e 1933, Dereito e Filosofía e Letras en Valladolid e Compostela. Nesta época ingresa na Federación Universitaria Escolar e colabora en publicacións como El Pueblo Gallego ou La provincia. Ademais participa na creación do semanario republicano Ahora -que despois se chamaría Guión-, dirixe a revista Yunque, colabora en Resol e participa na revista de información política Horizontes.

Ao tempo, adentrouse na vida política, primeiro en círculos republicanos e, dende 1935, militando no Partido Galeguista. A guerra civil obrigouno a vivir agochado no Incio, Quiroga e O Courel. Aquí recuperou os vencellos co mundo rural e a literatura oral, da que tirará argumentos e técnicas. Malia o afastamento xeográfico, participou na restauración cultural da posguerra, colaborando nos primeiros cadernos de Grial ou cofundando a editorial Galaxia, na que publicou a súa obra narrativa dos anos 50. Iniciaríaa con Á lus do candil. Contos a carón do lume -1953-, unha colección de quince relatos centrados no medio rural galego abordado dende diversas perspectivas complementarias. Seguiríalle Terra brava. Contos da solaina -1955-, na mesma liña da obra anterior, aínda que nun ton máis reivindicativo. O seu único texto dramático, Pauto co demo -1954-, sería editado en Bos Aires.

En 1957 volveu a Lugo, onde recupera a súa actividade xornalística. Parte deste traballo quedou compilado, en 1981, en Historias que ninguén cre. Na produción narrativa desta nova etapa urbana, constituída por ¿E decímolo ou non-o decimos? -1972- e Contos da néboa -1973-, abandona a temática rural, aínda que mantén a mesma linguaxe e técnicas narrativas dos anos cincuenta.

Ingresou na Real Academia en 1963. O autor falecería en Lugo en 1986.